Sunday 05 de May de 2024

Tres mulleres sobrevivintes á violencia de xénero relatarán as súas experiencias na I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller que terá lugar este sábado 9 de novembro


Mª Saladina Carrillo Míguez, Noelia Míguez Vázquez e Emily Rodríguez Santos participarán nunha mesa redonda na que estarán acompañadas por dúas profesionais especializadas nesta temática

Mª Saladina Carrillo Míguez (da parroquia de Gastrar); Noelia Míguez Vázquez (de Boqueixón), e Emily Rodríguez Santos (novelista de Ponte Ulla, no veciño municipio de Vedra) serán as principais protagonistas da I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller. A cita, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón, terá lugar este sábado 9 de novembro a partir das 17.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado.

Estas tres mulleres relatarán as súas experiencias nunha mesa-debate titulada A realidade da violencia de xénero, que dará comezo ás 17.40 horas. Moderada pola psicóloga do CIM, Yolanda Neira Cristobo, esta sesión contará coa participación de dúas profesionais do sector: Mª Susana García Lema, avogada especialista en violencia de xénero, e Aroa Mareque Rubio, axente policial da Unidade de Atención á Familia e Muller de Santiago de Compostela (UFAM-Protección).

A I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller incluirá actuacións musicais a cargo da pianista Sofía Silva Carbajales e da violinista Marina Vidal Míguez. Tamén se estreará a exposición fotográfica BlasFemia, de Sara Pardo Lareo, que se poderá ver entre o vindeiro 25 de novembro e o 20 de decembro na Casa do Concello de Boqueixón.

A clausura da xornada comprenderá o audiovisual Ana sempre está aquí, comigo; unha nova actuación de Sofía Silva, que interpretará o rap Facer fronte á violencia, e de Marina Vidal, que se encargará da peza Que non mo neguen, de Tanxugueiras. As persoas asistentes tamén visitar o stand literario onde se presentará a novela Calas Blancas, de Emily Rodríguez Santos. Ademais, o Photocall pola Igualdade do CIM de Boqueixón estará presente para que todas aquelas persoas que o desexen fagan a súa foto co lema do CIM ou coas diversas frases que desmontan os mitos das relacións de parella.

Esta xornada está enmarcada dentro da programación especial do CIM con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N). Esta iniciativa é posible grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.

Dita xornada está enmarcada dentro de actuacións de sensibilización e concienciación en materia de Igualdade e/ou prevención e loita contra a violencia de xénero dirixidas a toda a cidadanía. A entrada é de balde, previa inscrición no propio CIM no teléfono 981 513 061 ou no enderezo electrónico cim@boqueixon.com. O aforo é limitado.